Thursday 16 de May de 2024

A Xunta creará en cada provincia un centro 24 horas de atención ás Vítimas de Agrexión Sexual


― A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, onde anunciou que a Xunta xa ten avanzados os traballos para a implantación destes puntos

― Galicia converterase na terceira comunidade en contar con recursos de asistencia continuada para as vítimas de violencia sexual e as súas familias e achegados

― A Xunta presentou tamén unha guía con 39 recomendacións para actuar ante situacións de tata e explotación sexual no ámbito xudicial, educativo, sanitario, das forzas de seguridade e dos medios de comunicación

As vítimas de agresión sexual contarán con catro centros de referencia, un por provincia, onde poderán recibir atención as 24 horas do día. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, adiantou hoxe no pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, que a Xunta está a elaborar un estudo diagnóstico cara á implantación e localización destes puntos -un por provincia- que situarán a Galicia na cabeza da loita contra a violencia sexual.

A Xunta destinará a este programa de atención ás vítimas de violencia sexual cerca de cinco millóns de euros en 2022 e 2023 dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). Lorenzana destacou ante o pleno a implementación destes centros como exemplo da atención integral e multidisciplinar que o Goberno galego quere dispensar a estas persoas no entorno das grandes áreas galegas de poboación. Tal e como explicou, estes recursos unirán a Galicia ao grupo de comunidades pioneiras, xa que a día de hoxe soamente están funcionando en Madrid e Asturias.

Por medio destes centros prestarase acompañamento e se realizarán intervencións psicolóxicas ou sociais de forma presencial, en liña e telefónica, a todas as vítimas e superviventes que teñan sufrido violencia sexual no pasado ou no presente. Tamén aos seus familiares que o necesiten ou a persoas do seu entorno íntimo.

A Xunta xa leva anos traballando nesta liña, a través da colaboración coa Fundación Meniños, coa que se desenvolve o programa de intervención con mulleres vítimas de violencia sexual en Galicia, iniciativa á que a Xunta destinou 65.000 euros en 2021.

Guía de consulta sobre a trataNo pleno de hoxe presentouse, por outra banda, a Guía básica de consulta sobre a trata de persoas con fins de explotación sexual. Este documento pretende ser referencia para axudar a coñecer esta problemática social, as súas consecuencias, e promover pautas de actuación ante a identificación de posibles situacións deste tipo.

Lorenzana lembrou que a trata de seres humanos “supón unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade da persoa e constitúe unha forma de delincuencia grave, que na maioría das ocasións implica organizacións delituosas ás que proporciona importantes beneficios baseados na utilización das persoas con distintos fins de explotación”.

Esta lacra está recoñecida pola lexislación galega como unha forma de violencia de xénero, polo que con esta guía preténdese sensibilizar sobre este delito, e facer máis visible unha realidade que para moita parte da sociedade aínda é descoñecida.

O documento recolle 39 recomendacións para abordar a trata con fins de explotación sexual desde o ámbito das Forzas de Seguridade, xurídico, sanitario, social, educativo e dos medios de comunicación.
A Administración galega traballa co compromiso firme de dar unha resposta específica á situación de extrema vulnerabilidade na que se atopan as vítimas de explotación sexual. A guía é exemplo de que Galicia reforzará os mecanismos de información e a colaboración institucional así como os apoios ás entidades que traballan para a protección destas mulleres e nenas.